mércores, 30 de xaneiro de 2019

Día da Paz

Hoxe celebramos o Día da Paz por todo o alto con esta super pomba feita co interior dos briks de leite.


"A educación e a cultura son as nosas armas" forma parte da letra da canción de Pablo Díaz que escollimos para este día tan especial. A letra tamén nos serviu para falar de moitas outras cousas, para emocionarnos e para valorar o que temos a sorte de ter.

Como actividade intercentros o CEIP Mato Vizoso ofreceunos a idea de facer unhas "gafapomba" para poñer un chisco de paz na mirada, quedaron ben chulas!



E todos xuntos a cantar a canción!

domingo, 27 de xaneiro de 2019

Avaliación do proceso

Outro apartado realmente importante do traballo en equipo e a avaliación, tanto autoavaliación (avaliámonos a nós mesmos) como a coevaluación (avaliación entre iguais).

Cada grupo ten unha ficha que debe cubrir todos os días, onde hai ítems que invitan á reflexión. En mini asamblea deberán decidir a nota que se poñen, discutirán cos compañeiros e chegarán a unha conclusión. 


Neste momento dá gusto escoitalos falar e ver como son capaces de persuadir aos compañeiros.

Equipos

Aquí vos presentamoso aos equipos da clase de 2ºB.

Equipo Copa de Oro
Equipo 6 increíbles
Equipo Rompe Cocodrilos
Equipo 5 Lakers

Cada membro dentro do grupo ten un rol ben definido que irá cambiando cada semana, para que todos pasemos por todas as funcións e así darse conta do traballo dos demais.



- Gardián do tempo: controla o reloxo e é o encargado de que os compañeiros aproveiten o tempo proposto.


- Ninja do volume: controla o volume co que se fala dentro do grupo e propón o traballo sixiloso para aumentar a concentración.


- Peto máxico: reparte o material necesario, mantén a mesa en orde e lembra aos demais que hai que recoller.


- Animador: motiva aos compas cun "podes facelo", intervén e pon paz se hai algún conflito e anima para que todos participen.


- Inspector: asegúrase de que todos os compañeiros saiban o que hai que facer, controla que se faiga todo o proposto e revisa as axendas.


- Coordinador: sabe o que hai que facer e explícao aos compañeiros, resolve dúbidas e fala co profe ou cos outros grupos para resolver dúbidas.



Con todo isto, axudamos aos nenos a ser máis autónomos, empáticos e a asumir responsabilidades dentro dun grupo. 

venres, 18 de xaneiro de 2019

Proba clasificatoria

Este domingo tedes a proba clasificatoria "Campo a través" na área recreativa da Magdalena.

Toda a información tédela na páxina do colexio premendo aquí.

Os equipos aos que pertencedes son os seguintes:

FEMININOS...
- Claudia Vivero --> Benxamín Insua A.
- Noa Novo --> Benxamín Insua B.
- Laura Prado --> Benxamín Insua C.
- Icía Vilas --> Benxamín Insua C.
- Sofía Souto --> Benxamín Insua C.
- Paula Pérez --> Benxamín Insua C.

MASCULINOS...
- Lucas Zamora --> Benxamín Insua A.
- Anas Sayyad --> Benxamín Insua B.
- Miguel Ángel Miragaya --> Benxamín Insua B.
- Enrique Seoane --> Benxamín Insua B.
- Yago Torres --> Benxamín Insua C.
- Saúl Veiga --> Benxamín Insua D.

Lembrade que o importante é facer deporte para estar sans, así que abrigádevos ben e quentade un pouco antes de comezar para evitar lesións. Sorte!

xoves, 17 de xaneiro de 2019

Máis autonomía!

Mellorar a autonomía e a psicomotricidade fina é tan sinxelo como poñer unha norma na aula.

👆Se queres ler na alfombra, tes que sacar o calzado.

E aquí está o resultado!


A alfombra quedou pequena

A fábrica de contos

Esta semana estreamos nova actividade no recanto das linguas.


Consiste nun xogo para pouco a pouco irnos familiarizando co mundo da escritura creativa. Consta de seis seccións.


E leva unha explicación de como funcionar con el. 

Precisaremos dados, libreta, lapis e imaxinación!

Cada vez que lancemos os dados, teremos que buscar a tarxeta correspondente e unha vez que as teñamos todas, ordenar a historia na cabeza e despois, escribila na nosa libreta.



luns, 14 de xaneiro de 2019

Problemas técnicos

Como xa sabedes, hoxe houbo problemas técnicos no colexio. 

Por sobrequencemento do cadro eléctrico recomendaron desaloxar o centro á espera da brigada de Barras Eléctricas, xa que había risco de incendio ou explosión. 

Iso fixo que algúns marchasemos para casa sen mochila, porque non puidemos acceder ao edificio ata pasadas as 15:00h.

Agardamos ter todo resolto para mañá e continuar as clases con normalidade, pero recordade que algúns de nós ímos á Madalena para a Fase Preparatoria de Campo a Través 2019, así que atentos!


Se vou á carreira preciso traer mañá...

-Para baixar á área recreativa precisarás: mochila con roupa limpa para cambiarte despois da carreira, toda a roupa de abrigo que queiras, auga e merenda.

-Para a carreira: vir coa camisola do colexio por enriba dunha de manga larga, pantalón curto ou mallas e calzado deportivo. Se vés que podes ter frío, podes traer tamén unhas luvas, unha braga ou un gorriño.

Se queredes máis info sobre a carreira entrade na páxina do cole premendo aquí.



Se non vou á carreira preciso traer mañá...

-Unha mochila pequena coa merenda e unha botella de auga.

venres, 11 de xaneiro de 2019

E que pasa con ClassDojo?

É certo, esta semana non houbo puntos para ninguén porque estamos cambiando as bases.

As puntuacións  agora irán por grupo e como moito poderanse conseguir tres puntos diarios:

1- Usar o volume de voz axeitado para traballar no grupo.

2- Axudar aos compañeiros.

3- Aproveitar o tempo establecido.

Para a semana comezaremos a puntuar.

Ano novo, clase nova!


Cambiamos de ano e cambiamos toda a clase!

A partir de agora traballaremos doutro xeito para que o noso aprendizaxe sexa máis individualizado e deixamos de lado as clases maxistrais de finais de século, onde sempre tiñamos que estar pendentes do que o profe escribía na pizarra.

Trátase dunha adaptación libre ao método de aprendizaxe por estacións. Ao ter libro, non podemos deixalo de lado e debemos usalo, pero doutro modo.

Dividimos a clase en catro grupos de seis nenos (menos un que ten cinco) e repartimos as mesas polo espazo da clase para que cada grupo tivera o seu recanto. Así, atopamos o recanto das mates, o das linguas, o das ciencias e o de lecer.

Xa estivemos traballando así esta semana e aquí vos deixo unhas fotos de como fixemos



Recanto literario
Neste recanto traballaremos as dúas linguas, escribiremos contos, cartas...



Recanto matemático


Aquí faremos o referido ás matemáticas e tamén xogaremos con todo o que temos dispoñible: barallas, parchís, dominós de sumas...
Recanto de lecer


 Vai ser o noso momento de tranquilidade. Poderemos ler, debuxar, facer manualidades... Aproveitaremos tamén para traballar lóxica, distribución espacial e para elaborar material.



Recanto de ciencias
Aproveitando os temas do libro e tamén calquera tema que saia nas lecturas ou que nos interese traballar. Por exemplo, o outro día na lectura do libro de Lengua Castellana saiu o país de Vietnam, así que aproveitamos este recanto para traballar un pouco de xeografía e tamén para aprender a buscar información, tanto en internet como en dicionarios ou atlas.




Todavía estamos cambiando cousas da clase, así que pronto vos poñeremos fotos novas.