martes, 6 de novembro de 2018

Ditado á carreira

Hoxe fixemos un ditado moi diferente ao habitual.

O ditado á carreira funciona por parellas e con el traballamos a memorización, a pronunciación, a colaboración e, por suposto, a ortografía.

Na parella hai dous roles aos que nós chamamos memorión e escribano.

O memorión é o que ten acceso ao ditado, lerao, memorizaráo (de aí o seu nome) e correrá xunta do seu compañeiro para ditarllo. Fixarase na ortografía, na separación das palabras, puntos, comas... que lle terá que transmitir ao escribano.

O escribano, como o seu nome indica, escribirá o que o seu compañeiro lle dita, atendendo a todo o que lle marcan.



O ditado consistía en catro oracións. Para que cada membro da parella traballase os dous roles, cando chegaban ao fin da segunda oración, intercambiábanse. Para facilitar visualmente ata onde tiñan que ler cada un, as dúas primeiras oracións estaban en vermello e as dúas últimas, en azul.

A clase énchese de carreiras e de nervios, pero que teñen que ser controlados para facelo ben, porque non só gaña o que remata primeiro, senón o que menos erros teña! 

A conexión entre as parellas é vital e seguro que para o próximo ditado irá mellor.


Ningún comentario:

Publicar un comentario